Wiki Winx Club
Registrarse
Advertisement

Mythix é o episodio 14 da tempada 6 da serie Winx Club e o episodio 144 en total. Estreouse o 7 de abril do 2014 en Italia.

Argumento[]

O episodio empeza na casa de Bloom, Eldora preséntaselle a Vanessa. Logo comenta que hoxe é un día apropiado para felicitar a nai de Bloom, e Bloom está moi sorprendida. Eldora lémbralles que é o Día da Nai. Logo Eldora crea unha planta máxica e dálla a Vanessa como agasallo. Stella a continuación crea unhas novas roupas, pero fai que espirren polo pole que conteñen as roupas.

Tras limparen a desorde, as Winx reúnense no cuarto de Bloom para falaren con Eldora. Ollando os seus apuntamentos, Eldora di que para obteren unha das claves para pecharen o Legendarium teñen que conseguir obter algo que é do mundo do Legendarium. Descobren que o que elas procuran atópase en Tir Nan Og na Terra. No entanto non poden atopar nada ata este punto, debido ás antigas relacións coas fadas terrestres. Stella comenta que se cadra agora será diferente, xa que teñen amigas alí. Elas van a Tir Nan Og e reúnense coa raíña Nébula, que convertera o castelo de Morgana nunha escola de fadas.

En Torre de Nubes, as Trix utilizan a súa converxencia máxica para condensaren o poder das escolas das que tomaron o control mediante os seus colgantes máxicos e amplifican os seus poderes. Selina pregúntalles ás Trix por que non recibe tamén ela un obxecto máxico, e Icy simplemente di que o seu libro é suficiente. No castelo de Morgana, as Winx chegan e atópanse con Nébula. Mentres tanto, na casa de Bloom, as Pixies están a coidar da planta de Vanessa.

No castelo da Morgana, Nébula escoita a petición das Winx e lévaas ata un cuarto onde lles amosa unhas variñas que se atopan á outra beira dunha vitrina máxica, e fálalles sobre o Mythix. Sete fadas do Legendarium chegaron ao mundo real e viaxaron entre os mundos do universo, incluída a Terra. Así mesmo menciona que para obteren as variñas teñen que mostrar o seu verdadeiro valor ante estas. Layla cre que elas mesmas probaron moitas veces o seu valor en tódalas súas batallas que fixeron contra os monstros do Legendarium. Nébula di que lles será difícil obtelas. De súpeto, o castelo é atacado polas Trix e varias aprendices de bruxa.

As Winx saen e transfórmanse. Eldora tamén se transforma na súa forma de fada para unirse á loita. Durante a loita, dúas bruxas infíltranse no interior do castelo. Bloom ségueas rapidamente para impedilas que cheguen ata as variñas e facilmente derrótaas. Selina observa Bloom a través do Ollo de Griffin, e Acheron dille que as Trix non compartirán o seu poder con ela para liberalo a el. Selina ten outra alternativa en mente que é a Chama do Dragón que se atopa en posesión de Bloom.

Cos novos obxectos das Trix, elas son case inmunes aos ataques das Winx, Eldora, e Nébula. Dentro do castelo, Bloom tobo nunha emboscada planeada por Selina, que a colle no acto cunha cobra. As outras estudantes fadas tentan loitar contra ela pero son perseguidas. A continuación, Selina búrlase de Bloom e pregúntalle se se alegra de vela. Bloom tenta razoar con Selina dicindo que Acheron é moi perigoso e que liberado traería só caos, e dille que mellor tería que confiar en Eldora. Selina di que Eldora está morta para ela e que Acheron é o seu novo amigo de verdade, e tenta extraerlle a Chama do Dragón. Bloom enfádase e loita contra Selina.

No exterior do castelo, o poder das Trix aumenta ata que Bloom sae. Icy despois perséguea polo castelo, onde se atopa a bóveda das variñas. Cando Icy está a piques de lanzar un poderoso feitizo e acabar con ela, Bloom observa que o colgante do seu pescozo está a darlle á bruxa a potencia. Bloom entón dispara cara ao colgante que ten almacenado o poder de Icy, destruíndoo. Tamén fai o mesmo co colgante de Darcy e co colgante de Stormy. Vendo que perderon os seus poderes, as Trix e mailas súas aliadas abandonan o campo de batalla.

No cuarto da bóveda, Nébula dálles as grazas ás Winx e a Eldora por salvaren Tir Nan Og. Entón, para a súa sorpresa, as variñas saen da vitrina máxica de cristal ás mans das Winx e de Eldora. Tecna afirma que isto significa que demostraron merecer coller as variñas, e obteñen o Mythix. Chegou o momento de entrar no mundo do Legendarium. Co uso das variñas ancestrais, as Winx e Eldora transfórmanse en Mythix e entran no mundo do Legendarium.

Elas pasan a través dunha porta, e o espírito da porta saúdaas. Bloom pregúntalle como pechar o Legendarium. O ser da porta responde que teñen que atopar dous elementos, que son a Esmeralda da Fantasía e a Lanza de Prata. Coas dúas reliquias, formarán a clave para pecharen o Legendarium. Poderán atopalas co poder das variñas.

Bloom suxire ir a Alfea para obteren unha perspectiva máis boa sobre como utilizaren mellor as variñas. En Alfea, Daphne saúda Eldora. Bloom pregúntalle se Daphne coñece un método para utilizaren as variñas, e ela colle un libro. As Winx utilizan un feitizo de rastrexo, que forma un holograma máxico da illa Calavera.

Eldora decide ir agora á illa Calavera, pero Faragonda entra e di que en primeiro lugar deberían ver algo no patio. No patio de Alfea ten lugar unha celebración do Día da Nai. Unha porta ábrese e saen as nais das Winx (excluíndo a nai da Musa), incluíndo: Marion, Vanessa, Niobe, Lúa, Alyssa, Magnetia e Morgana. Empeza unha festa coas fadas e as nais, onde toda a xente empeza a bailar, e deste xeito remata o episodio.

Feitos importantes[]

  • As Winx e Eldora van a Tir Nan Og.
  • As Winx gañan o Mythix.
  • As Winx entran no Legendarium por primeira vez.

Curiosidades[]

  • Esta é a primeira vez que as Winx usan as súas variñas Mythix e que se transforman en fadas Mythix.
  • Esta é a primeira vez que as fadas da Terra loitan contra as Trix.
  • A partir deste episodio a abertura foi actualizada para presentar as escenas do Mythix.
  • Este é o terceiro episodio en que aparece na serie unha festa internacional, o primeiro foi o Halloween no episodio 16 da tempada 2 (Hallowinx) e o segundo foi o Nadal no episodio 10 da tempada 5 (Nadal en Alfea).
  • Cando as Winx se estaban a transformar en Mythix, unha escena na transformación da Bloom invértese.
  • Nunha escena na que Bloom está a loitar contra Icy, só seis variñas se amosan. Nas imaxes anteriores había sete variñas.
  • Este episodio foi emitido nos EUA como parte da maratón de maxia online.

Galería[]

Advertisement